Wednesday 01 de May de 2024

O concello de Oleiros remite como propias as propostas que presentou o PP para a reforma da Avenida de Santa Cristina, a Deputación provincial licitará en breve as obras ao ser a titular da vía


Crece a sorpresa no Grupo Municipal do PP ao comprobar que as propostas que presentaran ao concello, co rexeitamento habitual do alcalde, son agora presentadas por este á Deputación Provincial ante a inminente licitación dos traballos de reforma integral da avenida de Santa Cristina.
“Con todo, felicitámonos que, por unha vez, o alcalde tome en consideración as propostas do grupo municipal do PP de Oleiros”, declara Loli Silva, candidata á alcaldía de Oleiros.

As promesas relacionadas coas obras de reforma de Santa Cristina non son unha novidade. Anúncianse recurrentemente antes de cada campaña electoral e dá a impresión de que non chegarán a executarse nunca.

Santa Cristina foi sempre un lugar emblemático para todo a área metropolitana.
Co tempo foise deixando da man ata alcanzar unha situación actual de total abandono, como queda de manifesto cos numerosos baixos comerciais que permanecen pechados, creando problemas mesmo de salubridade.
“Consideramos que as actuacións previstas na licitación son necesarias, pero a nosa preocupación vai máis aló da avenida de Santa Cristina. Interésanos a contorna. Dun modo especial, o conxunto das rúas adxacentes, que temos que conseguir poñelas ao mesmo nivel que a propia avenida. Hai que arrombalas e rehabilitalas. E nisto non hai que escatimar recursos, xa que o concello dispón de remanentes todos os anos.”, declara a candidata Loli Silva.

“E tan importante como acometer a reforma da avenida principal e das rúas adxacentes é o feito realizar unha boa programación e planificación das obras, procurando ocasionar as menores molestias aos propios veciños, minimizando a duración dos traballos e sen perder de vista as dificultades no día a día derivadas de carencia de prazas de aparcamento na zona”, puntualiza Loli Silva.